Volver
Compartir

As pinturas da igrexa de Eiré seguen deteriorándose

O bispado ve díficil obter axudas para restaurar o mural do templo de Pantón
francisco albo monforte / la voz
22/02/2012 23:55:18

As pinturas que decoran o interior da ábside da igrexa románica de San Miguel de Eiré, en Pantón, sufren desde hai tempo un preocupante estado de deterioro que non deixa de avanzar. O mural pintado na bóveda, que representa un pantocrátor, presenta unha serie de descascaduras e gretas que -segundo os testemuños de diversas persoas que visitan o lugar con regularidade- seguen agrandándose pouco a pouco. Beatriz Pérez, unha das guías que traballan na ruta turística do románico da cooperativa Aldea Nova, sinala que no piso da igrexa é frecuente encontrar fragmentos de pintura que se desprenden do teito. «Nótase que o mural non está consolidado e que continúa estropeándose, e nas nosas visitas xa vimos varias veces que había anaquiños de pintura no chan», explica.
O delegado de patrimonio histórico do bispado, César Carnero, sinala que este antigo conxunto pictórico necesita unha intervención para impedir que o deterioro se acentúe aínda máis, pero na actual situación económica ve «complicadísimo» obter a axuda necesaria. «Cos recortes orzamentarios da Xunta é praticamente imposible conseguir subvencións para unha actuación deste tipo e os recursos da diócese son moi limitados», apunta. «De todas as maneiras, hai que facer algo e o máis urxente sería ver se na bóveda hai unha filtración de auga», engade.
As pinturas da ábside son de estilo renacentista de finais do século XV, unha época na que se realizaron a maioría dos murais que se conservan nas igrexas do sur lucense. Carnero puntualiza que as de Eiré, a pesar de presentar un interese notable, non teñen tanto valor artístico como as de Seteventos -no Saviñao- e as das igrexas monfortinas de Baamorto e Ribas Altas.

Relacionados
Un monumento destacado